O PROXECTO

Vista Xeral_Remonde & Pambre

O castro de Remonde é un recinto fortificado, posibelmente da Idade do Ferro, moi interesante polo seu emprazamento (perto do castelo de Pambre), polo seu tamaño, pola súa configuración e pola cualidade do entorno natural no que está emprazado.

No ano 2013 a fundación EIRA DA XOANA -dentro de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)- adquire parte dos terrenos do castro de Remonde. Unha entidade de interese público compromete os seus recursos financeiros a prol do ben común: a salvagarda e posta en valor deste ben arqueolóxico.

A primeira actuación arqueolóxica realizouse no ano 2015, coa colaboración inestimábel do Concello de Palas de Rei, e consistiu no clareamento vexetal do castro, co fin de poder observar como era o castro na realidade. Como resultado deses traballos, producíronse importantes descubertas como un alxibe. A partir deste momento comezou unha actividade divulgativa sustanciada en numerosos grupos de visitantes e nunha estratexia de comunicación através das redes sociais coa edición de diverso material audiovisual.

Na actualidade, a FUNDACIÓN EIRA, Fundación de Interese Galego dende o ano 2015, é quen asume a dirección do proxecto, através dun apoderado designado para estas tarefas.

 

OBXECTIVOS XERAIS:

Os obxectivos desta intervención son, por unha parte criar un espazo educativo, tanto para a comunidade universitaria como non universitaria. O obxectivo é ofrecer un campo de práctica e transmitir coñecementos específicos. Por outra parte, preténdese criar un recurso turístico vinculado ao camiño Francés que descorre nas proximidades. É unha oportunidade de participación para a comunidade local e a sociedade en xeral nas tarefas de recuperación e coñecemento deste ben arqueolóxico.

Para acadar estes obxectivos a fundación Eira da Xoana está a traballar:

  • No mantenimento da limpeza vexetal do castro.

  • Nas estratexias de divulgación e participación específicas tanto para turistas como para a poboación escolar  -continuación dos traballos realizados por Carmen Buxán-.